Wednesday 15 de May de 2024

Nova sesión formativa sobre o proxecto de aproveitamento de excedentes agrarios na Pobra


A Pobra do Caramiñal continúa inmersa no proxecto de aproveitamento de excedentes agrarios posto en marcha pola Concellaría da Promoción Económica, da cal é titular a edil Charo Varela (Nós Pobra). No 26 de xaneiro dáselle continuidade á fase formativa iniciada no último trimestre do 2021. Ofrecerase así unha nova charla informativa que abordará, nesta ocasión, as cuestións económicas no relativo á venda dos excedentes da produción agrícola a pequena escala e que está aberta a toda a cidadanía en xeral.

Baixo o título A nabiza polo que vale! Que podemos e que non podemos facer para vender os excedentes da nosa horta familiar, será impartido por Conchi Mogo, técnica do Sindicato Labrego Galego. Transcorrerá ás 19.00 horas, no Auditorio do Museo Valle-Inclán.

As persoas interesadas en asistir deben inscribirse a través do teléfono de contacto 981843280, marcando a extensión 2035, ou no enderezo electrónico promocion.economica@apobra.gal.

Cómpre lembrar que entre os obxectivos do referido proxecto atópanse poñer en valor a produción agrícola das pequenas explotacións do concello; fomenta-lo consumo de alimentos de calidade e de proximidade (quilómetro 0); xerar actividade económica a partir dos produtos de tempada; dinamiza-lo comercio local, neste caso, a través dunha plataforma dixital; fomenta-la actividade agraria; e promover un estilo de vida saudable e sostible.